Rinoceronte abre con Persépole unha liña de BD

A editora conta con Breixo Harguindey como director da colección

Capa do <i>Persépole</i> de Rinoceronte
Capa do Persépole de Rinoceronte
Persépole de Marjane Satrapi, é o título co que abre a colección de novela gráfica de Rinoceronte Editora. O proxecto, que supón a entrada na BD do selo ubicado en Cangas, pretende publicar traducións á nosa lingua das principais obras da BD contemporánea internacional. A intención da editora, segundo anuncian, é tirar seis títulos cada ano, e para 2011 teñen previsto seguir con Palestina e Safe Area Gorazde de Joe Sacco, ademais de Contrato con Deus de Will Eisner. Segundo adianta Moisés Barcia, da editorial, están tamén a traballar na edición na nosa lingua de Search for Smiling Ed, de Kim Deitch, aínda inédita en castelán.

Na busca de prezos competitivos, a colección publicarase en formato de 17x24 centímetros e a branco e negro, procurando respectar, dentro deses límites o formato orixinal das obras. A colección presentarase o vindeiro martes 26 de outubro na Capela do Hospital de Cangas, no marco do Salón de BD que se celebra nesta localidade.